Cuarto de María Casares

Dispón de cama grande para uso dobre ou individual. A habitación está orientada ao oeste/norte.

Cama de 1,5 x 2 m. con lenzaría de 200 fíos de algodón 100%. Calefacción, televisor e cuarto de baño privado con ducha e secador de pelo.

Escritorio.

Os produtos de acollida son de produción ecolóxica.

Tarifa estándar* con reserva directa (2 pax) : 79-110 euros.

A tarifa inclúe aparcadoiro, almozo-bufete, opción de bicicleta e o 10% de IVE.

* A tarifa estándar pode verse reducida ou aumentada por estar suxeita a promocións, descontos ou tarifas especiais para eventos de interese extraordinario.O uso individual dos cuarto supón unha redución dun 25% na tarifa vixente.

 

María Casares. 1922-1996

A actriz María Casares foi unha desas persoas que experimentou plenamente o significado da palabra adaptación. A novas realidades. A novas xentes. A novos espazos. Aínda non cumprira ben os catorce anos cando chegou a Francia fuxindo da barbarie golpista de 1936, por ser filla de Santiago Casares Quiroga, home forte do goberno de Manuel Azaña nos ilusionantes tempos da República. Aquela nena, nacida un 21 de novembro de 1922 na dinámica cidade da Coruña, instalouse xunto a súa nai, Gloria Pérez, en París sen coñecer máis que unhas poucas palabras en francés. María Casares pasaba ser Maria Casarès e durante un tempo soterrou no máis fondo de si mesma toda a bagaxe cultural e, tamén, vital que podía constituír un atranco no seu proceso de reinvención.

Á aprendizaxe dun novo idioma seguiulle o seu mergullo no teatro galo, abraiando os seus mestres de arte dramática con interpretacións dramáticas marcadas cun acento galego que nunca lle puideron arrancar. Correndo detrás de si mesma atopouse debutando no ano 1942 no Teatro Mathurins como primeira actriz, obtén unhas excelentes críticas e seduce profesional e persoalmente a un Albert Camus que aínda non soñaba co premio Nobel.

Autora da biobibliografía: Arantza Estevez Lavandeira (2006).

Fonte: Fonte: Álbum de Mulleres Galegas do Consello da Cultura Galega. http://culturagalega.gal/album/