Cuarto de Maruxa e Coralia

A habitación está orientada ao norte. Dispón de dúas camas de 0,90 x 2 m. con lenzaría de 200 fíos de algodón 100%. Calefacción, televisor e cuarto de baño privado con ducha e secador de pelo.

Escritorio.

Os produtos de acollida son de produción ecolóxica.

Tarifa estándar* con reserva directa (2 pax) : 79-110 euros.

A tarifa inclúe aparcadoiro, almozo-bufete, opción de bicicleta e o 10% de IVE.

* A tarifa estándar pode verse reducida ou aumentada por estar suxeita a promocións, descontos ou tarifas especiais para eventos de interese extraordinario.O uso individual dos cuarto supón unha redución dun 25% na tarifa vixente.


 

Maruxa e Coralia. 1898-1980 e 1914-1983 

Maruxa, Coralia, Sarita, Manuel, Alfonso, Antonio, etc. Eran trece os fillos e fillas que tiveron en Compostela Arturo Fandiño e Consuelo Ricart, parella de artesáns, oficio tan frecuente naquel Santiago de principios do século XX. El, zapateiro, con obradoiro na Algalia de Arriba, n.º 32. Ela, costureira e bordadora, con obradoiro na súa propia casa, na rúa do Espírito Santo, profesión que van aprender e compartir, tamén, as súas fillas. Xente traballadora, esforzada, humilde e, porén, digna e leda de conseguir comer coa suor da súa fronte, como se aseveraba a respecto da clase traballadora. Velaí a orixe, a identidade e os nomes das mulleres máis retratadas de Compostela: Maruxa e Coralia —que desde a súa mocidade quixo chamarse Rocío—, “as dúas en punto”, “as dúas Marías”, foco de luz, cor e ledicia na Compostela gris e triste do franquismo.

Maruxa, Coralia e Sarita, pois en principio eran tres —a terceira morreu moi nova—, viviron a súa primeira mocidade naquela Compostela que tanta esperanza tivo no triunfo da República en abril de 1931, un Santiago que medraba xa desde os anos 20 cara ao suburbio coa anexión do concello de Conxo (1925), co proxecto da nova Residencia Universitaria nos terreos explanados para a Exposición Rexional de 1909 —e para a que tanto traballou o reitor Rodríguez Cadarso— e co proxecto da nova estación do tren na Ponte Seca. Esa nova cidade rachaba co pasado eclesiástico e caciquil para ver a luz do traballo das clases artesás e operarias, latexaba co asociacionismo estudantil da FUE, coas forzas políticas republicanas e coa esperanza galeguista dun Estatuto, como así foi, coa convocatoria feita desde a capital de Galiza para a reunión da asemblea de municipios (1932) encargados de elaborar o borrador do Estatuto plebiscitado en xuño de 1936. Esa cidade que tan ben retratou, no vello e no novo, o debuxante Francisco Vázquez “Compostela” nas súas estampas.

Autor/a da biobibliografía: Encarna Otero Cepeda (2010).

Fonte: Fonte: Álbum de Mulleres Galegas do Consello da Cultura Galega. http://culturagalega.gal/album/