Dispón de cama grande para uso dobre ou individual. A habitación está orientada ao oeste. Cama de 1,5 x 2 m. con lenzaría de 200 fíos de algodón 100%. Calefacción, televisor e cuarto de baño privado con ducha e secador de pelo. Os produtos de acollida son de produción ecolóxica.
Tarifa estándar* con reserva directa (2 pax): 69-99 euros.
A tarifa inclúe aparcadoiro, almozo-bufete, opción de bicicleta e o 10% de IVE.
* A tarifa estándar pode verse reducida ou aumentada por estar suxeita a promocións, descontos ou tarifas especiais para eventos de interese extraordinario.O uso individual dos cuarto supón unha redución dun 25% na tarifa vixente.
Maruja Mallo. 1902-1995
Nada en Viveiro, a profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas até a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922. Anos máis tarde ingresa na Academia de Belas Artes e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española, algúns deles conformarían a Xeración do 27. Coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudiantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e en especial con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruja pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, Maruja crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que empezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación.
Autora da biografía: María Luisa Sobrino Manzanares (2006)
Fonte: Álbum de Mulleres Galegas do Consello da Cultura Galega. http://culturagalega.gal/album/